Durante as últimas horas producíronse acordos significativos concretos co Goberno en relación coa crise das enxeñarías en informática.
Durante a mañá de hoxe celebrouse unha reunión ao máis alto nivel ministerial en Madrid cos representantes dos Colexios Profesionais de Enxeñaría e Enxeñaría Técnica en Informática e a CODDI, na cal se produciron importantes avances na problemática das Enxeñarías en Informática.
Entre estes avances é posible destacar o compromiso do Goberno en resolver durante este mes de xaneiro a regulación das fichas das titulacións, situándoas ao mesmo nivel que as restantes enxeñarías. En relación coas atribucións profesionais, durante a anterior reunión, o Goberno comprometeuse firmemente na creación dunha mesa de traballo de na que participarán todos os Ministerios involucrados, CONCITI, CCII e CODDI, coa finalidade de resolver a situación de discriminación que sufre a nosa profesión no eido das atribucións profesionais.
Así mesmo o Director do Departamento de Asuntos Institucionais do Gabinete de Presidencia do Goberno, Gabriel Maganto transmitiulle ós Colexios Profesionais de Galicia (a través do presidente do CPEIG) que o Presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, é plenamente consciente da problemática das enxeñarías en informática e que está predisposto a aportar solucións coa maior brevidade posible.
Dados estes avances significativos e concretos os colectivos convocantes da concentración entenden que nestes momentos existe un clima de diálogo razoable para resolver a problemática da nosa profesión. Por todos estes motivos, os Colexios Profesionais de Enxeñarías en Informática de Galicia e desconvocan o acto de concentración do vindeiro domingo 11 en Ourense como último xesto de boa vontade, sen prexuízo de que se os compromisos adquiridos nesta reunión non se reflicten en feitos concretos en forma e tempo inmediato se retomen as movilizacións a todos os niveis.
Fuente: Desconvócase a concentración das Enxeñarías en Informática en Ourense